Historia

Como ocorre en todo o val do río Tea, especialmente na comarca do Condado, este concello é rico en xacementos arqueolóxicos que testemuñan unha presenza humana antiga.

Período Paleolítico: temos o achado dun pequeno utensilio acheulense e un fendedor sobre lasca de cuarcita descuberto no barrio de Pedra de Auga.

Período Neolítico: destaca o machado pulido atopado no barrio do Barral, actualmente custodiado no Museo de Pontevedra. Outros utensilios líticos foron atopados na parroquia de Angoares (un puñal de folla plana en empuñadura diferenciada, no Museo de Pontevedra), así como na parroquia de Guillade (unha machada no lugar de Mourigade).

A Cultura Megalítica: estivo representada pola existencia en Ponteareas de grandes túmulos funerarios.

Idade dos Metais: destaca un machado de bronce que se localizou preto da Pena dos Namorados, en Arcos, entre restos de muros e fragmentos cerámicos.

A Cultura Castrexa: é ampla nas terras de Ponteareas, cómpre destacar o coñecido “Castro de Troña”, na parroquia de Pías, datado entre os séculos VI a.C e I d.C.

Idade Media: no ano 569, no “Parrochiale Suevorum”, xa aparece Areas como unha das parroquias do bispado tudense. Ó longo dos anos, as doazóns de reis e señores converteron a sé tudese, ao cabido compostelán, e ós monxes de Melón e Angoares, nos grandes propietarios territoriais desta zona. Dende o século XII o Castelo de Sobroso será un elemento central na defensa da comarca. A actual situación de Ponteareas pertencía naqueles anos a parroquia de San Miguel de Canedos.

As loitas feudais das liñaxes dos Sarmiento e Soutomaior, ao redor da fortaleza de Sobroso e o Castelo de A Picaraña, centraron o século XV, con interrupción da “Revolta Irmandiña” no 1467, que derruba parte do Castelo de Sobroso.

Idade Moderna: No 1483,o rei Fernando O Católico, recompensou a fidelidade de García Sarmiento coa concesión dunha feira mensual no seu coto de Canedo. Ó redor do campo da feira foise constituíndo un núcleo de poboación que, co tempo, se acabou chamando Ponteareas. Así, no 1658 constrúese a Capela de San Gregorio, e será no 1777 cando a parroquia se traslade dende a Igrexa de San Miguel de Canedos a esta Capela, iniciándose de inmediato a construción dunha nova Igrexa parroquial, que remata no derradeiro decenio do século XVIII. En 1885, este templo desaparece para construír a actual Igrexa parroquial. Dende o século XVII, a vila ponteareá xa acollía aos órganos do goberno da xurisdición de Sobroso, que abrangue boa parte das actuais comarcas de O Condado e A Paradanta.

Idade Contemporánea: coa supresión dos señoríos, en 1835, constitúese o Concello de Ponteareas, cuns límites que se manteñen ata hoxe. Tamén, por estes anos, comeza a construción da estrada nacional Vigo – Villacastín, que substitúe ao antigo camiño real e que será de vital importancia para o desenvolvemento de Ponteareas. Na segunda metade do século XIX prodúcese un gran desenvolvemento da vila, cando adquire a súa actual configuración urbana: levántanse edificios, a nova Igrexa parroquial, o Concello etc. Ponteareas é unha das primeiras vilas de Galicia en dispoñer de alumeado eléctrico.

No século XX xurde unha intensa vida social e política que conforman a Ponteareas como a capital da comarca de O Condado.