Natureza

Ponteareas, polo seu enclave no val do Tea posúe un paseo polo río moi interesante. É un curso fluvial que nace nas Serras do Suído e desemboca no río Miño no concello de Salvaterra de Miño. Hai que destacar que este río forma parte da “Rede Natura 2000” da Unión Europea. Entre a súa fauna destacan as especies migratorias como o salmón, a lamprea ou a anguía. Entre a fauna asociada non é difícil observar o paso do “picapeixe” (“martín pescador” en castelán), do merlo reiro, do azor, do gabián, ou mesmo a londra (“nutria” en castelán).

Destacan nas súas beiras diversas variedades de árbores: especialmente os amieiros, moi estendidos, así como o bidueiro, sabugueiro, freixo, carballo, castiñeiro, etc.

Sobre o río sitúanse dúas importantes pontes: a dos Remedios e a das Partidas.

Por outra banda o Monte da Picaraña, con os seus 383 metros de altitude sobre o nivel do mar, constitúe un magnífico miradoiro natural sobre as terras do condado, que destaca pola súa beleza paisaxística e riqueza vexetal. Sobreiras, albedros, olivas, xaras e demais arbustos tapizan este paraxe, que conta tamén cunha ampla área recreativa con mesas, grellas, etc. na que danse cita numerosos romeiros para celebrar a festividade da Santa Cruz no día 1 de Maio.

Cabe destacar tamén os numerosos parques que posúe o noso concello. Lugares únicos onde gozar da paz e da tranquilidade máis absoluta a uns minutos do centro da vila.