Ponteareas é ... Natureza

Ríos, bosques, praias fluviais, miradoiros e sendeiros entre carballos e castiñeiros. Ponteareas é verde e diversa. As súas paisaxes de montaña farán que te mergulles nunha burbulla de paz e tranquilidade. Desconectarás no alto do miradoiro de San Cibrán e do Galleiro porque a beleza e inmensidade das súas vistas penetrará en ti ata emocionarte.

O teu corpo encherase de enerxía camiñando polo monte da Picaraña. O recendo da terra húmida, das flores, dos piñeiros, carballos e castiñeiros acompañarate no teu camiño. O silencio do teu percorrido só se verá alterado polo cantar dos paxaros, os teus pasos sobre as follas das árbores e o correr da auga. Porque o Tea discorre polo noso territorio creando fermosas paraxes con praias fluviais para que descanses, te divirtas e goces dun bo baño.

Completa a experiencia deixando voar a túa imaxinación para recrear as vivencias dos persoeiros que habitaron o Castelo de Sobroso. Porque Ponteareas tamén foi clave na historia do noso país. Cada rocha desta fortaleza garda os segredos de Dona Urraca e Emilia Pardo Bazán que agora recrean as visitas teatralizadas ao castelo. As marcas das loitas entre as familias de Soberoso e Sarmiento aínda se perciben nalgúns dos muros do castelo que se erixe rexo e robusto no alto dos penedos.  Sinte o peso da historia no teu corpo.