Monte da Picaraña

Neste espazo natural descubrirás os caprichos da natureza. Formas rochosas imposibles con equilibrios propios de construcións artísticas daranche a benvida no Monte da Picaraña. Un monte raso na súa base que se vai enchendo de sobreiras centenarias así como vas avanzando cara o seu cumio, que van resgardando coa súa sombra aos camiñantes.

Se alzas a vista verás dous picos e coroándoos unha cruz monumental dende se pode observar toda a comarca. Por unha banda, Sobroso e o seu castelo e do outro lado, Ponteareas.

No cumio, espérante unha capela que data de 1907 e un viacrucis, que cada mes de maio recibe  a visita de numerosos romeiros para celebrar a festa de Santa Cruz.

O lugar está cheo de rutas de sendeirismo e as súas pendentes pronunciadas convérteno nun punto de encontro para os amantes da bicicleta de montaña e o enduro.

Pero o monte da Picaraña tamén é conto e fábula. As súas rochas e corticeiras contan historias daqueles que a habitaron noutro tempo. Como as lendas da filla de Pedro Madruga, que escapaba polas noites do castelo de Sobroso a través dun túnel que chegaba a Picaraña para atoparse co seu namorado. Uns encontros que foron descubertos polo seu pai que encerrou ao fidalgo de por vida no alxube do castelo.

penedos_penadoequilobrio
Pena do Equilibrio
penedo_penadosnamorados
Pena dos Namorados ou das Penas

Penedos da Picaraña

Déixate sorprender polos Penedos da Picaraña. Vinte e catro bloques graníticos xigantes con formas imposibles que provocarán á túa imaxinación. Para coñecelos colle a mochila e percorre a senda que te leva polos máis sorprendentes. Dúas desas formacións son de visita obrigada: a Pena do Equilibrio e a Pena dos Namorados ou das Penas.

A primeira delas está composta por dúas pedras unidas por un punto minúsculo, mantendo un equilibrio que desafía á gravidade. Contan no lugar, que a pedra móvese e para comprobalo, os habitantes da zona, puñan unha botella apertada baixo o penedo e sempre aparecía en anacos aos poucos días.

Pero se queres visitar penedos milagreiros, tes que achegarte á Pena dos Namorados. Conta a lenda que alí era onde se atopaba a filla de Don Álvaro de Sarmiento, señor do castelo de Sobroso, co seu namorado. Amores prohibidos que foron descubertos polo seu pai, que disfrazado de mendigo quixo comprobar por si mesmo se o que contaban era certo. Alí atopou a Aldina e Tristán.

Cheo de carraxe, agardou a que a súa filla marchara do lugar e encarouse con co seu namorado. A liorta rematou coa espada de Sarmiento cravada no corazón de Tristán. Durante tres noites, Aldina, esperou a Tristán entre bágoas na Pena dos Namorados.

Na terceira noite, Tristán aparecéuselle e contoulle todo o que acontecera. Antes de desaparecer anuncioulle que, en tres días, estarían xuntos para sempre. E así foi, Aldira, pechouse na torre da Homenaxe e durante tres días chorou e chorou mentres a vida se lle ía consumido. Ao terceiro, reuniuse co seu amor.

Dende entón, as parellas acoden á Pena dos Namorados para coñecer cal vai ser o seu porvir xuntos. Tres pedras deben tirar de costas ao penedo por riba do ombreiro. Se as tres pedras quedan riba da rocha, casarán no prazo dun ano, se só quedan dúas, serán dous os que teñan que agardar e se só queda unha a voda demorarase aínda máis. No caso de que ningunha das pedras quede riba da rocha, ese namoramento non terá futuro.