Monte do Galleiro

Namorarte e ver as vistas do Monte Galleiro é o mesmo sentimento. Esta serra é o punto máis alto de Ponteareas. Con 749 metros sobre o nivel do mar, a espectacularidade das súas vistas, co val do Louro, Redondela, parte da Ría de Vigo e as Illas Cíes, fan desta paraxe un lugar de soño no que gozar da liberdade que dá a natureza.

Pasear, relaxarse, facer rutas en bicicleta ou a pé, son unha moi boa alternativa para que coñezas os tesouros naturais que agochan os 10 quilómetros do Galleiro que discorren entre os concellos de Pazos de Borbén, Mos e Ponteareas. As súas pendentes son aptas para todas as idades e condicións físicas.

Se escolles algunha das múltiples rutas que discorren pola serra ponteareá, atoparaste con gravados rupestres e formacións rochosas senlleiras como a Pedra Catanga ou a Pedra Quietiña.

Atrévete a coñecela de noite. Alí reúnense as e os amantes da astronomía buscando as constelacións e estrelas máis remotas que permite ver a falta de contaminación lumínica.

O cumio do noso Concello tamén está cheo de historia. Alí o día de Noiteboa, o 24 de decembro de 1936, un grupo de falanxistas e gardas civís, mataron ao guerrilleiro antifranquista, Manuel González “O Fresco”, que era coñecido entre a poboación como “O Fuxido”.