Praias Fluviais

O discorrer do río Tea polo Concello de Ponteareas crea espazos naturais de gran fermosura habilitados para o baño. Pequenos recunchos á beira do río, que se diseminan ao longo de todo o seu percorrido. A tranquilidade das súas augas, unha canle estreita e ben definida, fan destas illas de paz un lugar ideal onde refrescarse en verán ou onde descansar e relaxarse na primavera e outono.

As principais áreas fluviais son seis, pero camiñar pola beira do Tea é descubrir novos espazos así como vas avanzando no seu percorrido.

Praia A Freixa

Se buscas un lugar próximo ao núcleo urbano de Ponteareas e con múltiples servizos, a túa mellor opción e a Praia Fluvial A Freixa. Non só poderás tomar o sol e darte un baño senón que tamén hai pistas de tenis, fútbol e baloncesto, un paseo, asadeiro, merendeiro e chiringuitos para tomar algo. Un espazo práctico e agradable con zona de baño habilitada para os cativos e cativas e con espazos arborados para gorecerse do sol.

Para gozar desta zona de ocio situada en Ribadetea, só tes que coller a N-120 ou a estrada de Mondariz, en ámbalas dúas atoparás un indicativo para chegar.

Praia de San Roque

Camiñando uns minutos dende o centro de Ponteareas chegarás á esta praia fluvial, máis coñecida como a praia dos Remedios, dividida pola ponte medieval que lle dá nome. Alí podes refrescarte pero tamén comer baixo a sombra no merendoiro. Dispón dunha área de xogo para as rapazas e rapaces.

Praia a Moscadeira

Conta con merendeiro, bar, asadeiro, bar, zona arborada e praia con area. Está en Ponteareas e accédese dende a rúa Amieiros coa Avenida Castelao.

Praia As Partidas

Se queres practicar un pouco de deporte e despois darte un chapuzón, unha boa escolle é esta praia fluvial. Alí atoparás merendeiro en zona arborada con asador, campo de fútbol e bar. Está situada en Moreira e para chegar só debes coller o cruzamento a Salvaterra de Miño.

Praia Nogueira

Este é outro recanto de tranquilidade onde gozar do sol e da auga. Conta con merendeiro, asador e zona arborada ademais de areal. Atoparala na parroquia de Nogueira. Para chegar só tes que coller a estrada a Guláns e xirar á esquerda ao chegar a Urcela.

Praia As Pías

A medio camiño entre Ponteareas e Mondariz está esta pequena praia fluvial, a máis salvaxe de todas e a máis apartada dos núcleos de poboación. Un pequeno areal rodeado de vexetación que constrúe o río Tea.