Corpus Christi

Descarga desde aquí o programa das festas do Corpus_2017

Cartel Corpus Christi 2017

A vila de Ponteareas, no sur da Provincia de Pontevedra, alcanzou especial renome pola celebración da festividade de Corpus Christi, onde os veciños confeccionan para o paso da procesión do Santísimo Sacramento artísticas alfombras de flores naturais.
Trátase dunha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteareas que, ao longo dos anos, souberon conservar e promover esta celebración, recoñecida como “Festa de Interese Turístico Internacional”. No domingo de Corpus son máis de vinte alfombras as que enchen as rúas e prazas de Ponteareas, nunha profusión de colorido, creatividade e beleza que feitizan a propios e visitantes. Máis dun kilómetro de alfombras con miles de flores, matas e arbustos, coidadosamente esfolladas e mesturadas para obter unha auténtica obra de arte efémera.

En Galicia coñecemos desde a Idade Media o uso de elementos vexetais nas liturxias do Corpus, así na Catedral de Santiago de Compostela esparexían fiúncho polas súas naves nesta festividade xa no século XVI, costume estendido despois por numerosos lugares de Galicia.

En Ponteareas carecemos dunha referencia clara sobre a data en que se comezaron a adornar as nosas rúas, en consecuencia, o recurso a unha inmemorial tradición é obrigado. A existencia dunha Confraría Sacerdotal do Arciprestazgo baixo o patrocinio do Santísimo que anualmente celebraba solemnes cultos, a Confraría do Santísimo da parroquia de San Miguel que tiña nesta xornada os seus principais actos de culto, a contribución foránea (algúns falan dun xuíz canario residente en Ponteareas cuxa esposa introduciu a tradición de alfombrar) son elementos que poden explicar por que xorde en Ponteareas esta tradición alfombrista e non noutros lugares.
Na segunda metade do século XIX xa se adornaban as nosas rúas por onde se esparexían flores e plantas para o paso da procesión eucarística, sen confeccionar ningún debuxo. Así en 1857 na rúa San Gregorio había estendidas no chan flores, herbas aromáticas e máis que se acostuma na solemnidade do día. Con todo, a voz popular sitúa a orixe nos veciños da popularmente coñecida como “rúa de Abaixo” ou rúa Real e desde alí estendeuse a outras zonas da vila. Co paso dos anos deséxase cubrir a totalidade das rúas, comézanse a usar serraduras tinguidas con anilinas de diversas tonalidades que eran combinadas cos tradicionais fentos, pampullos, mirtos, etc. Estas serraduras obtíñanse nos numerosos serradoiros de madeira que existían na zona e era mesturado coas anilinas en grandes toneis con auga, pero a combinación foi decaendo nas primeiras décadas do século XX.

corpus1

Por estes tempos comezan a realizarse os primeiros debuxos, maioritariamente de carácter xeométrico e co deseño de grecas, cenefas, etc. debendo cubrir con serraduras as rúas empedradas antes de colocar a ornamentación floral. A festa caracterizábase entón pola súa espontaneidade, era froito do entusiasmo e devoción dos propios veciños. Desde varias semanas antes homes, mulleres e nenos saían aos montes, campos e xardíns en busca de material (primeiro mirto, mimosa, árnica, etc., a medida que se achegaba o día, flores) que as mulleres e nenos desfollaban pacientemente nos portais das casas do percorrido procesional, mentres os homes deseñaban, en segredo, a ornamentación da alfombra. Ningunha institución promovía ou apoiaba este esforzo, nin tampouco ninguén foráneo se achegaba a contemplalo, ao longo da noite en que todos traballaban unánimes na confección.

Nesta situación chégase ao ano 1947 no que a festa de Corpus comeza unha nova etapa. Desde 1945 deixa de organizar esta celebración o correspondente mordomo da Cofraría do Santísimo asumindo este cometido unha comisión de veciños. En 1947 forman esta comisión Luís Salgueiro, José Casasnovas e Gabino Porto, apostando pola difusión desta festa, ata entón cinguida ao ámbito local. Entrevistas radiofónicas, reportaxes periodísticas, edición de material divulgativo (a revistiña “Pregón”), etc. son novedosas iniciativas que promoven. A combinación destas medidas logra que a festa de Corpus adquira unha dimensión inusitada ata entón, coa afluencia de milleiros de persoas a Ponteareas para contemplar as súas alfombras. Ata o punto que en 1968 esta festa é declarada de “Interese Turístico Nacional”.

A crecente afluencia de visitantes é paralela tamén a unha crecente calidade das nosas alfombras, cada vez os debuxos, cenefas, orlas, etc. adquiren unha dimensión máis artística. Aparecen tamén os temas figurativos, ligados á temática relixiosa ou de carácter galego, onde se comeza a matizar en base a flores e follas e remátase con sementes, moendas, etc. Hoxe en día é moi importante o apoio municipal que achega o material (mirto, mimosa, cocas de eucalipto, etc.,) pero seguen sendo os traballos anónimos e entregados dos veciños os verdadeiros artífices da “portentosa creación” que son as nosas alfombras de flores. Pero un espazo especial na historia dos alfombrados ponteareáns teñen as alfombras de flores realizadas máis alá da nosa vila. Cómpre destacar especialmente a confeccionada na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela o 9 de novembro de 1982 co gallo da primeira viaxe de S.S. Xoán Paulo II a España, ou a realizada tamén na súa honra na Praza de Santa Ana no Vaticano o 2 de febreiro de 1983. Mención especial para as realizadas en Caracas (1985 e 1998), Sevilla (1992), Bos Aires (1992), Bahía (1993), etc. sen esquecer as que anualmente realizan os veciños de Ponteareas na vila irmá da Orotava desde 1984.

Este auténtico monumento inmaterial da fe e a cultura popular dos ponteareáns constitúe, na actualidade, o sinal de identidade máis intimamente sentido por todos os veciños desta vila e unha das expresións máis ricas do patrimonio cultural de Galicia.

O recoñecemento ao traballo e sabedoría na confección de alfombras florais tivo o seu ultimo recoñecemento en 2009 coa declaración da Festa do Corpus Christi de Ponteareas como Festa de Interese Turístico Internacional. Esta distinción oficial foi un dos motivos que levou ao Concello de Ponteareas a organizar en 2010 o III Congreso Internacional de Arte Efémera e no que Ponteareas tivo a maior proxección de toda a súa historia a nivel internacional e no que se reuniron en Ponteareas delegacións de varias cidades de todo o mundo, amosando a súa arte floral.

corpus2

corpus3

Así mesmo, Ponteareas fai gala da súa arte na confección de alfombras florais en varios lugares do mundo e en ocasións tan importantes como no ano 2010 na visita da Súa Santidade O Papa Bieito XVI por mor do ano Xacobeo, onde milleiros de visitantes de todas as nacionalidades puideron contemplar a fermosa alfombra confeccionada polos veciños de Ponteareas co gallo da súa presenza en Santiago de Compostela.

corpus4

Confección das alfombras florais

1º) Deseño do debuxo e contido da alfombra, realizando un modelo a tamaño natural para colocar na rúa correspondente.

2º) Esfolle dos materiais nos portais das casas, primeiro os máis duradeiros e, a medida que se achega a data, os máis delicados.

3º) Debuxo a man ou colocación do modelo sobre a rúa para marcar. Despois da súa retirada, únense todos os puntos quedando o deseño sobre o asfalto.

4º) Perfilado, función sobre todo infantil, onde con árnica, coca de eucalipto ou fiúncho perfílanse as liñas do debuxo.

5º) Tupido do fondo da alfombra co material vexetal.

6º) Complétase o debuxo da alfombra coa colocación última da flor.

7º) Mantemento da alfombra ata a procesión.

corpus6 corpus5

Galería fotográfica (carpetas por años con las fotografías de las alfombras)