Festas patronais

Comeza setembro, Ponteareas prepárase para celebrar as súas festas patronais, as máis buliciosas da comarca, A nosa Señora dos Remedios o día 8 e San Miguel Arcanxo o día 29, pero non soamente eses días son festa, senón que, unha serie de acontecementos sociais fan que Ponteareas estea en festas durante todo o mes de setembro, celébranse a Feira Anual, o XXX Concurso Rexional de gaitas, o X festival Folclórico do Condado… sen esquecernos que durante este mes teñen lugar festas para nenos e maiores, xigantes e cabezudos, concertos, verbenas, competicións, etc.

Son, sen lugar a dúbidas, datas idóneas para darse unha volta por esta preciosa vila e gozar das súas festas populares e , ao mesmo tempo, poder visitar os seus monumentos e lugares xa emblemáticos, o Castelo do Sobroso, o Castro de Troña, a Pedra do Equilibrio, as súas pontes romanas, igrexas románicas, museo municipal, etc.

En definitiva, Ponteareas, capital do Condado, ofrécese aos seus visitantes como unha poboación sempre aberta e hospitalaria, como é tradición nesta terra galega.