Rota de sendeirismo PR-G 120 “Rota dos penedos”

Introdución

Os antigos camiños, estradas e vías pecuarias que serviron ao logro dos séculos para se desprazar son un patrimonio histórico que debemos esforzarnos en conservar. O sendeirismo é un bo xeito de manter e rehabilitar esa rede viaria que das chairas ás encaixadas serras comunicaba e permitía o paso de comerciantes, pastores e rabaños, de peregrinos e mesmo de exércitos. Poñérmonos en camiño vainos facer descubrir testemuños da historia ao ritmo do noso paso, coñecendo a fondo a nosa terra, lonxe das aglomeracións urbanas. Unha vivencia para os que teñan gañas de camiñar e gozar da natureza, de observar monumentos e mostras case descoñecidas da arte e da cultura. O camiñante pódese deleitar vendo igrexas románicas, casas antigas, pazos, pontes, cruceiros, hórreos e outras manifestacións en pedra de carácter popular, rodeadas sempre por unha ampla variedade de especies botánicas.

Rota dos penedos

Esta rota ten interese paisaxístico. A riqueza forestal da contorna e as formacións pétreas (penedos), marcan o carácter desta ruta circular que comeza no cruceiro do barrio da Serra, na parroquia de Arcos, ou nos arredores da Ermida das Angustias. Esta ruta visita máis de vinte penedos de diversos tamaños, catalogados polos seus nomes orixinais e as lendas que se lles atribúen. Iniciamos o percorrido ao pé do Coto do Castro, un outeiro no que se atopa un xacemento castrexo de grandes dimensións. Tras arrodealo, atoparemos o Penedo do Castro, dende onde se pode gozar dunha espléndida panorámica da igrexa e da Casa Reitoral de Arcos, así como dos Montes da Paradanta e de San Nomedio. Descendemos cara á dereita por un bosque de carballos e piñeiros que adornan o sendeiro ata chegarmos ao famoso e impresionante Penedo do Equilibrio. A partir de aquí, metémonos nun monte de piñeiros ata dar co Penedo de Orencio, aproveitado como canteira nos anos 50. Neste punto, a ruta ofrece a posibilidade de ascender ao Alto da Picaraña por ambos os lados das súas abas. Escollendo a opción da esquerda, visítase o Penedo da Adega de San Isidro e o miradoiro do Penedo da Pía. Tras alcanzar a cima, descendemos a través dun vía crucis ata a Ermida de Santa Cruz, lugar de devoción e romaría cada primeiro de maio. Dende aquí iníciase o regreso por unha pista forestal cara ao barrio de Serra pola outra vertente da ladeira. No camiño de volta destacan o Penedo do Sombreiro e a Laxe de Coto, entre outros.