Castelo do Sobroso

Nun promontorio rochoso, onde aparecen restos de época castrexa, na ladeira do monte Landín, a 334 metros, dominando un amplo panorama, álzase a fortaleza de Sobroso. Dende esta situación estratéxica controlaba, en época medieval, as comunicacións entre o interior e a “Terra de Turonio” e a cidade de Tui. O seu nome garda relación coa existencia de “sobreiras” neste lugar.

castillo1As súas orixes remóntanse ao século IX cando Bermudo II refúxiase na fortaleza durante a batalla de Portela Arenaria (hoxe Vilasobroso) entre os seus partidarios e as tropas de Ramiro II, rei de León. En tempos de Afonso V é conquistado e saqueado por Almanzor. No ano 1.095 os Condes de Galicia, dona Urraca e don Raimundo de Borgoña, concédenlle o señorío de Sobroso ao bispo de Tui, Aderico. A mesma dona Urraca é recluída neste castelo polos nobres galegos despois do seu segundo matrimonio con Afonso I de Aragón, e logra fuxir por un pasadizo ata o río Tea. Á morte da raíña, os nobres galegos proclamaron rei de Galiza no Sobroso ao seu fillo Afonso, que máis tarde será coroado emperador como como Afonso VII no 1.135.

Pertencente á coroa polo seu carácter de baluarte defensivo, foi cedido no século XIII á familia Soberoso, en 1386 por Pedro I a Álvaro Páez de Castro e en 1379 Xoán I concédelle este castelo e o seu señorío a Pedro Ruíz Sarmiento.

Na segunda metade do século XV é escenario das furias da revolta “irmandiña” que destruíu a fortaleza en 1467-68 e das loitas entre as liñaxes Sarmiento e Soutomaior. O castelo foi reconstruído, primeiro, por Pedro Álvarez de Soutomaior “Pedro Madruga” completando a obra García Sarmiento, a quen debemos boa parte da súa actual configuración.

castillo2Durante a Idade Moderna, séculos XVI-XVIII, é cabeza dunha ampla xurisdición, ao tempo que perde o seu papel militar, quedando así abandonado e arruinándose paulatinamente. En 1923 foi adquirido por Alejo Carrera Muñoz , quen o restaura, e en 1981 polo Concello de Ponteareas, o seu actual propietario.

Arquitectura

O castelo está composto na actualidade por tres elementos: unha cerca exterior (que mantén nalgún tramo o trazado primitivo do século XII cun perímetro moi cinguido ao edificio, que deixa pouco espazo para a gornición), o corpo residencial (con dúas plantas, a baixa posta para albergar o corpo de garda coas súas troneiras defensivas) e a torre da homenaxe (que protexe, cos seus trece metros, o único flanco polo que o castelo puidese ser atacado). Conforman un conxunto que resulta impoñente dende o exterior polas súas tres estruturas de diferentes alturas e sobrepostas unhas ás outras.

Centro de Recuperación da Cultura Popular

O Centro de Recuperación e Difusión de Cultura Popular, adscrito ao Museo Municipal de Ponteareas nace, en maio de 1998, por iniciativa dos artesáns téxtiles Ilda Amoedo Amoedo e Rafael González Goyanes, co patrocinio do Concello de Ponteareas e baixo a coordinación do Concello de Ponteareas.

Este centro ten como obxectivo básico a conservación da nosa cultura tradicional a través dunha exposición permanente dos seus fondos, a promoción da artesanía local na tenda artesá e a realización de cursos e todo tipo de actividades relacionadas coa cultura cultura popular de Ponteareas e do Condado. A exposición permanente organízase en catro salas; a primeira, destinada á indumentaria, recolle unha mostra da roupa tradicional desta zona a finais do século XIX, con traxes populares e tamén das elites rurais. Na torre atopamos unha sala dedicada ao proceso de transformación do liño, básico para a confección de roupa. Outra sala dedícase aos oficios tradicionais, co material de traballo dos cesteiros, telleiros, zoqueiros, carpinteiros, etc. así como das “costureiras itinerantes” e dos cegos e as súas coplas, mantendo, ademais, todo o proceso de confección téxtil.. E na última planta da torre móstrase unha recreación das estancias dunha casa campesiña da Galicia tradicional, coa súa lareira e cuarto.

Pero non se reduce a actuación do Centro aos traballos de investigación e exhibición senón que se pretende actuar de cara á divulgación e promoción dos elementos integrantes da nosa cultura tradicional mediante oferta de cursos, talleres, actividades didácticas e de divulgación (como feiras, mercados, exposicións, conferencias, etc.) co obxectivo de alcanzar coa nosa actividade a sectores sociais que, por propia iniciativa, non se achegarían ao museo.

Igualmente os responsables do centro manteñen nas súas instalacións do Castelo de Sobroso o seu taller artesanal e unha tenda de produtos artesanais da comarca.

Parque forestal

O bosque de Sobroso sitúase no municipio de Mondariz, malia ser propiedade do Concello de Ponteareas. Ocupa unha extensión de 30 hectáreas de monte arborado que comprende ambientes forestais variados (cun arboredo con preto de 40 especies diferentes), fauna en semiliberdade, ruínas medievais, zonas recreativas, e lugares de interese paisaxístico.

É unha zona de clima atlántico húmido, pero con tendencia á aridez estival por mor da transición co Mediterráneo, que ascende desde Portugal ata diluírse na conca do Miño.

A vexetación natural dominante na zona é o bosque de carballos (Quercus robur), con especies asociadas mediterráneas, coma a sobreira, o érbedo e as lauráceas. O sanguiño (Rhamnus frangula) acompaña así mesmo ó carballo. O castiñeiro (Castanea sativa) estivo moi espallado.

Desafortunadamente, as máis das fragas atlánticas de Galicia foron substituídas polo pertinaz e excluínte eucalipto australiano que, unha vez instalado nestas terras húmidas, impide o asentamento do bosque natural caducifolio.

No Sobroso case o 70% do territorio foi xa invadido por esta planta que, se non se trata, asfixia e fai desaparecer a carballeira co seu cortexo florístico. Medio Ambiente de Ponteareas xestiona os montes coa filosofía de intervir para frear a expansión do eucaliptal e maila acacia negra (Acacia melanoxylon), ó tempo que, silviculturalmente, traballa para acelerar a sucesión vexetal no establecemento da carballeira árida.

Entre os carballos, castiñeiros, érbedos, pradairos, abetos e algúns outros poderás atopar mesas para merendar, fontes e prados sombreados. Tamén arte en pedra: o hórreo, o pombal, as vitorias quebradas, a pedra da auga, pías e estanques. Así como o manancial do souto dos pradairos con xacementos de cuarzo cristalino, a sobreira dos 200 anos, os breixos púrpura…

Acceder a el é ben doado. Abonda con tomar a Nacional 120, a 37 km de Vigo. A 7 de Ponteareas, a vila grande máis achegada, érguese a fortaleza medieval. O castelo do século X domina sobre unha revolta do val das Oliveiras, que ascende cara a Paraños e Fontefría, co que é perfectamente visible alá no alto.

Aula da Natureza

No recinto deste castelo ten a súa sede esta aula que realiza actividades didácticas relacionadas coa fauna, flora e o medio ambiente desta zona, dirixidas de xeito especial a grupos escolares. A visita comprende: sendeirismo a través dun bosque galego, actividades de aula e visita ao propio castelo.

Contamos con valados e cortellos onde hai gamos (Dama dama), cervos, burros, ovellas, cabras, cabalos, pitas, pavos, gansos e parrulos. Preténdese que se vaian integrando no parque en liberdade para cambiar a visión de ter animais encortellados por comodidade e control por outra de volvelos habituar progresivamente á vida silvestre.