Castro de Troña

O Castro de Troña atópase encravado no monte denominado do Doce Nome de Xesús, por atoparse no seu cume unha ermida dedicada ao Doce Nome. Atópase a uns 280 metros sobre o nivel do mar. Este poboado castrexo sitúase na parroquia de Pías, concello de Ponteareas, a tres quilómetros de Mondariz-Balnerio.

trona1O recinto do castro posúe forma elíptica ou oval, presentando amplas terrazas na pendente oeste e ancho foso escavado na rocha polo Nacente, que o aílla completamente dos montes da Ermida, situados máis altos ca el e que ofrecían, sen lugar a dúbidas, o lugar de máis fácil acceso ao poboado para os seus inimigos. Na parte superior podemos contemplar unha bela ermida dedicada ao Doce Nome, dous cruceiros de magnifica labra, unha fonte e un miradoiro espléndido cara o fermoso val do Tea que se estende aos seus pés.
Os eixes principais deste castro miden aproximadamente uns douscentos metros en dirección Leste-Oeste e 150 metros en dirección Sur-Norte.

troña2Posúe un complexo sistema defensivo que nos sinala a extraordinaria importancia deste castro na súa época. Estas defensas están formadas por murallas, foxo e parapetos. Podemos observar dous lenzos de murallas que pechan completamente o recinto castrexo. O grosor destas murallas oscila entre 5,5 metros a 1,5 e a súa altura varía de 2 a 5 metros. Cómpre destacar o reforzo ou torreón que posúe a primeira muralla na súa parte leste, descuberto recentemente e un dos poucos exemplares que se coñecen deste tipo no noroeste peninsular. No nacemento do castro existe un fondo foxo de 18 metros de altura e 10 metros de ancho no seu fondo. Está escavado en rocha e actualmente pasa por el a pista que conduce ao castro. Completa este sistema defensivo dous pequenos parapetos formados de pedra e terra, que protexen o castro polo seu lado nordeste; teñen unhas medidas reducidas: 6 metros de lonxitude e 3 metros de altura.

Posiblemente posuía unha ou varias entradas que ata a data non se poden determinar con precisión, aínda que podemos supor que están situadas, unha no Nacente xunto ao torreón da primeira muralla e a outro cara o Poñente do castro, xa na segunda muralla.

O Castro de Troña conta na actualidade arredor de 30 construcións castrexas, escavadas a maioría delas cara metade do século polos ilustres arqueólogos Pericot e Cuevillas. Na actualidade estanse realizando campañas de escavacións arqueolóxicas sistemáticas, subvencionadas polo Excmo. Concello de Ponteareas, que consolidarán a totalidade dos restos descubertos en anteriores campañas arqueolóxicas e desenterrarán novas construcións que, sen dúbida, a xulgar polos achados efectuados, enchen a totalidade do recinto castrexo. Peculiar é a variada tipoloxía das vivendas castrexas localizadas neste importante xacemento. Existen construcións castrexas de todos os tipos coñecidos: planta circular, elíptica, cadrada e rectangular. Ademais son moi interesantes as diferentes modalidades de vestíbulos que presentan algunhas destas vivendas. De feito foi declarado como Ben de Interese Cultural no pasado ano 2009.

trona3Foron moi abundantes os materiais arqueolóxicos atopados neste interesante castro galego. Destacamos os seguintes: cerámica indíxena de rica decoración e diferentes tipoloxías, numerosos fragmentos de ánforas romanas, varias labras castrexas, muíños de man circulares e naviculares, moedas de bronce romanas; fíbulas, alfinetes, apliques, machada de ferro; colgantes,… Tamén se localizaron diversos fogares formados por pedras fincadas, así como varias pías para o gando e magníficos “amarradoiros” belamente decorados.

Cómpre destacar o importante petroglifo que representa unha serpe en posición heráldica, que se atopa gravado na cara vertical dunha rocha que forma parte dunha construción castrexa situada cara o Nacente. Tamén se localizaron outras insculturas gravadas na rocha que serve de base a unha construción castrexa, que representa figuras ovais e liñas rectas.

Por todos os datos que posuímos ata a data, a cronoloxía que podemos darlle a este castro é ampla, situando a súa orixe cara o século VI antes de Cristo e chegando o final cara o século II despois de Cristo. Podemos determinar con certeza que houbo varios momentos de ocupación do castro, afirmación esta que nos vén confirmada polo achado de varios muros castrexos que se introducen nos cimentos doutras construcións e diversos fogares que corresponden a un momento de ocupación distinto ao que nos vén determinado polas estruturas pétreas. Campañas arqueolóxicas futuras neste xacemento permitirán coñecer con detalle os pormenores da ocupación deste castro así como as fases cronolóxicas deste.

troña4Este interesantísimo xacemento castrexo conta cun rico folclore popular que nos fala sen dúbida da importancia que posuíu este emprazamento na súa época. Destacamos a continuación a lenda máis impresionante que posuímos deste castro e que nos fai vinculala co petroglifo localizado na súa cima:

… “había aquí, no monte, unha serpe que baixaba á terra chan e roubaba para comer unha besta, unha ovella ou o que fose. Por medo, e para que non baixase, os veciños puxéronse de acordo e traíanlle ao monte, todos os días, un animal que sorteaban entre eles. Pasado o tempo, xuntaran unha morea de nobelos que lles deron ás tecedeiras, e fixeron cos fíos ben retortos unha corda e un nobelo grande que lle deron a comer á serpe. Axiña que a serpe enguliu o nobelo, tiraron da corda e arrastrárona , matárona e enterrárona aquí, no adro da ermida , e no lugar do enterramento ergueron o cruceiro que había onde está o que hai hoxe.”