Igrexas románicas

O románico é un estilo artístico que nace na Europa dos séculos XI e XII cunha linguaxe artística unitaria e internacional, conxugándose a variedade e multiplicidade segundo os países e rexións. Este estilo alcanzou un extraordinario desenvolvemento en toda Galicia, sobre todo a partir so segundo cuarto do século XI, é dicir, tras a finalización da Catedral de Santiago.

No municipio de Ponteareas existen diversas igrexas que conservan aínda vestixios da súa construción en época románica.

Igrexa de San Pedro de Angoares

Ante todo, cómpre destacar a Igrexa de San Pedro de Angoares, que pertenceu a un mosteiro beneditino. Esta igrexa polas súas características, pódese considerar como un monumento único en toda Galicia dentro do estilo románico. Ten unha planta de cruz latina e ábsida rectangular, soamente similar a Santa María de Tera, en Zamora.

Entre os diversos elementos construtivos destacan o capitel historiado do seu interior, cunha iconografía difícil de concretar, e a excepcional colección, tanto polo seu número coma pola súa beleza iconográfica, de canzorros. Trátase dun edificio levantado na segunda metade do século XII, que perdeu parte do seu aspecto orixinal polas obras de restauración realizadas a principios de século.

iarcos2 iarcos

Igrexa de Santo Estevo de Cumiar

Malia as numerosas reformas e modificacións aínda podemos admirar a traza románica do templo de Santo Estevo de Cumiar. O máis interesante é un arco triunfal semicircular. Aínda quedan restos de diversos capiteis ornamentados. Pero chama sobre todo a atención, no morro do lado norte, a representación dun monstro, semellante a un león, que formaría parte dunha escena esculpida. No exterior, a portada románica está acompañada nos muros por labras e inscricións da época románica.

cumiar1

Igrexa de San Salvador de Padróns

San Salvador de Padróns. Conserva, pola contra, unicamente a súa portada de época románica. Esta sorprende pola súa traza e dimensións, a súa amplitude e proporcionalidade malia as modificacións sufridas na súa parte central. Interesantes son as machetas que representan bustos de anxos con cartelas con inscricións.

padrons1

Igrexa de San Cibrán de Paredes

O templo parroquial de San Cibrán de Paredes conserva aínda diversos elementos ornamentais que delatan a súa edificación en época románica. Así unha colección de canzorros e a cruz antefixa colocada no tellado do templo.

paredes1