Monte da Picaraña

En Ponteareas, despois da parroquia de Arcos, está a subida ao monte da Picaraña e, na beira da pista, a sorprendente Pena do Equilibrio. Saíndo, xusto enfronte ao outro lado da estrada, está a Pena dos Namorados, moi visitada por rapazas casadeiras.

Pena do Equilibrio

picaraña

Pena dos Namorados

picaraña2

A Picaraña é rica en arbustos e sobreiras. Aquí estivo unha fortaleza construída por Pedro Madruga, que foi derruída polos Reis Católicos. No cume deste monte existe unha capela que data de 1907, e un viacrucis dos anos 50 que substituíu a cruceiros anteriores. Celébrase aquí a festa da Santa Cruz, o primeiro de maio, cunha importante romaría popular á que acoden procesións das parroquias veciñas, especialmente as de San Lourenzo ou Ponteareas.

Aínda que gran parte do monte permanece ermo, apenas cuberto por mato, o seu cume está poboado por unha mesta vexetación arbórea que lle dá unha sombra apracible a toda zona. Posúe dous picos principais, un dos cales, coroado por unha cruz monumental, constitúe un fantástico miradoiro cara a vila, mentres que o outro, composto por un conxunto de enormes farallóns, ofrece amplos panoramas cara ao Sobroso, cuxo castelo destaca en toda a súa oufanía. A enganosa proximidade da fortaleza contribúe a lle dar credibilidade á lenda que conta os amores da filla do castelán co rapaz fidalgo do lugar que todas as noites agardaba a visita da doncela, quen, sen máis escolta cá da súa dama de compaña, percorría o longo pasadizo que desde o castelo chegaba á Picaraña; ata que os encontros foron descubertos polo pai da rapaza, que castigou duramente o atrevemento do mozo, con reclusión de por vida nos alxubes do castelo. Ficción ou realidade? Quen o podería asegurar, aínda que o pasadizo aínda exista, se ben derruído na maior parte dos seus tramos, o que fai totalmente imposible o seguimento do seu trazado.

Na actualidade este enclave paisaxístico conta cunha ampla zona recreativa dotada de mesas e grellas que acolle os moitos visitantes que veñen a este cume. Nas proximidades do Concello de Ponteareas disponse dun albergue xuvenil que acolle numerosas actividades durante todo o ano dirixidas aos colectivos xuvenís do concello e da comarca.