Museo municipal

Historia e concepto

A realización desde 1981 de campañas sistemáticas de escavacións no xacemento coñecido como “Castro de Troña”, e a adquisición ese mesmo ano por parte do Concello de Ponteareas do Castelo de Sobroso, fortaleza medieval, suscita nas autoridades locais a inquietude por contar cun centro onde exhibir o atopado naquelas escavacións.

O museo foi aprobado en 1990 pola Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, e tras os inicios no edificio da Biblioteca Municipal e no edificio das antigas Escolas da vila, o museo instalouse no antigo edificio da fábrica de curtidos da familia Garra, na rúa Perillana. Nesta nova situación o museo posúe unha superficie próxima aos 500 m2, que posibilitan a exposición de novos fondos, con novos paneis que ilustran a todo color e nos dous idiomas oficiais da Comunidade, galego e castelán, a historia de Ponteareas e a comarca, e a creación de novas seccións do museo.

Fondos

O museo custodia os materiais das escavacións arqueolóxicas do Castro de Troña, entre 1986 e 1991; unha selección destes pódese contemplar na sala monográfica do Museo. Ademais, o museo posúe numerosos materiais arqueolóxicos da comarca, entre os que cómpre destacar os instrumentos paleolíticos (bifaces, roedeiros, rascadoiros…); un petróglifo procedente de Chan de Gándara e que formaba parte do desaparecido Museo de Pías, de Enrique Peinador; machadas de bronce, cerámicas calcolíticas, etc.

museoSen dúbida é a cultura castrexa e galaico-romana a mellor representada no museo: ademais dos achados de Troña, débense salientar os materiais cerámicos de Os Castros-Lourido (Salvaterra do Miño), onde destaca un “dolium”, O Caneiro-Fozara (Ponteareas), O Casal-San Mateo (Ponteareas), etc. De época romana hai que destacar os materiais procedentes de Altamira-Taboexa (As Neves) entre os que salienta unha figura dun togado e unha ampla colección numismática.

Completa as nosas coleccións os fondos de historia local, materiais de personaxes como Fermín Bouza Brey, Reveriano Soutullo Otero ou Gabino Bugallal Araújo, etc., e unha colección de obras de artistas locais con nomes como Sliveiro Rivas ou Antonio Medal.

Conservación, investigación e publicacións

Entre as actividades promovidas polo Museo cómpre lembrar a realización de diversos inventarios e catálogos do patrimonio cultural: Edificios de carácter histórico do concello, inventario de cruceiros e petos de ánimas da comarca do Condado, hórreos de Ponteareas, festas e tradicións musicais de Ponteareas, etc., estase agora a iniciar un traballo de recollida de fontes orais do concello.

Ademais o museo foi consolidando un grupo de colaboradores e investigadores que o teñen como medio de difusión dos seus traballos Soberosum: revista de estudos do Museo Municipal, que leva editados dous números e que está a preparar nestes intres o número tres. Xestiónase tamén desde o museo a edición dunha revista que edita o Concello anualmente, coincidindo coa festa do Corpus, denominada Pregón. Grazas aos intercambios de publicacións, doazóns e compras, o museo conta cunha pequena biblioteca especializada con máis de 2500 volumes e un arquivo fotográfico con máis de 3000 fotografías.

O museo realiza numerosas exposicións temporais que posibilitan a divulgación dos materiais que posúe: exposicións antolóxicas de artistas locais: Rogelio Lorenzo, Antonio Medal, Alfonso Quinteiro, Alfredo Bautista “Rei”, Juan Soutullo, etc. Tamén se realizan mostras sobre aspectos diversos do noso patrimonio cultural (as corozas, monumento destacados, fotografía antiga, etc.) ou se exhibiron numerosas exposicións itinerantes que foron acollidas neste museo.