Río Tea

O río Tea é o eixe artellador do territorio onde se asenta o concello de Ponteareas. As súas ribeiras foron sempre lugar de especial atractivo para as xentes de Ponteareas. É un curso fluvial que nace nas Serras do Suído e desemboca no río Miño no concello de Salvaterra de Miño. Hai que destacar que este río forma parte da “Rede Natura 2000” da Unión Europea, que destaca os principais enclaves con valor ecolóxico e medioambiental da Unión Europea.

Entre a súa fauna destacan as especies migratorias como o salmón, a lamprea ou a anguía. Entre a fauna asociada non é difícil observar o paso do “picapeixe” (“martín pescador” en castelán), do merlo reiro, do azor, do gabián, ou mesmo a londra (“nutria” en castelán).

Destacan nas súas beiras diversas variedades de árbores: especialmente os amieiros, moi estendidos, así como o bidueiro, sabugueiro, freixo, carballo, castiñeiro, etc.

Sobre o río sitúanse dúas importantes pontes: a dos Remedios e a das Partidas.