¿Por que visitar Ponteareas?

Ponteareas, asentada nas ribeiras do río Tea é, desde a súa fundación a finais do século XV, o centro comercial e a localidade con maior dinamismo das comarcas do Condado e A Paradanta, ao sur da provincia de Pontevedra. Nos últimos anos experimentou un importante crecemento demográfico alcanzando na actualidade os 23.000 habitantes. As magníficas comunicacións, sobre todo a través da A-52 ou Autovía ” das Rías Baixas”, o seu contorno e a súa situación e a ampla oferta de servizos confírenlle a Ponteareas un especial atractivo para vivir.

Pola súa parte, o visitante atopa numerosos lugares de interese histórico, artístico ou natural que, xunto á súa magnífica e esmerada oferta hoteleira e gastronómica, fan de Ponteareas un interesante lugar de visita ou de estancia vacacional.

O río Tea articula o val onde se asenta Ponteareas e destaca pola súa riqueza ecolóxica, feito que levou á súa inclusión na Rede Natura 2000 da Unión Europea. Posúe varias praias fluviais, entre as que sobresae A Freixa, dotada cunha ampla oferta de servizos. Para coñecer mellor as súas ribeiras, cheas de lugares de gran beleza paisaxística, recomendamos un percorrido pola “Senda do río Tea” que une a pontes medieval dos Remedios, no núcleo urbano de Ponteareas, coa das Partidas, na parroquia de Moreira.

Para os amantes da camiñada existen tamén outras dúas rutas de sendeirismo en Ponteareas: “Ponteareas – A Picaraña” (que parte do convento franciscano de Canedo e alcanza o cumio do monte da Picaraña, continuando despois os grandes penedos: A Pena do Equilibrio  ea  Pena dos Namorados) e  A Picaraña – Castro de Troña (que une este monte co xacemento arqueolóxico de Troña , na parroquia de Pías).

O Castro de Troña é unha cita obrigada para os visitantes de Ponteareas pois é un dos principais enclaves da cultura castrexa de Galicia, destacando pola súa privilexiada situación e as súas importantes defensas. Outra visita imprescindible é o Castelo de Sobroso, propiedade do Concello de Ponteareas, que destaca pola súa arquitectura medievisl e foi escenario de importantes acontecementos ao longo da Idade Media. Hoxe as súas estancias albergan o Centro de Recuperación de Cultura Popular, onde se poder contemplar exposicións diversas ao longo do ano.

O Museo Municipal, as igrexas románicas de Padróns, Cumiar ou especialmente Angoares, o Convento de San Diego de Canedo, etc. son outros lugares dignos de visita.

Pero hai unha data en que Ponteareas se transforma. Na festividade de Corpus Christi os veciños confeccionan máis dun quilómetro de alfombras realizadas con flores naturais, nunha manifestación de fe e de arte de gran beleza. Unha arte efémera que emociona polo seu singular atractivo. O Corpus de Ponteareas foi declarado como “Festa de Interese Turístico Internacional” no 2009.